|
Licencieime en Ciencias da Información como consecuencia de que meus pais decidisen que tiña que facer unha carreira “como Dios manda” porque se pensaba vivir da Música ía apañado (e hoxe pódese dicir que dela vivo, aínda que non exactamente como eu pretendía). Como malia gustarme o deporte non o puiden practicar con asiduidade, cando menos aqueles que conlevaban risco de que algo esférico se esmagase nos lentes que unha miopía intransixente me obrigou a levar dos 9 aos 31 anos, decidín que quería informar sobre o deporte que outras/os si podían facer. Comecei na segunda metade dos oitenta cuns programiñas na radio pirata que había na non menos pirata residencia universitaria madrileña que me acolleu; e unha vez de volta a terras galaicas, no medio escrito no que máis anos remataría traballando, tiven o seguinte diálogo co director: |
|
|
- En que sección che gustaría traballar? - En Deportes. - Moi ben. Pois comezarás na sección de Sociedade. Non foi até 1995 que exercín o xornalismo deportivo en serio, na edición de Arousa de 'La Voz de Galicia'. Menos de dous anos despois seguín a dedicarme á profesión de contar cousas, pero desta volta dentro dunha aula e con alumnado en idade de hormonas aceleradas, profesión que aínda continúo a desenvolver con resultados manifestamente mellorábeis. A aparición de Internet provocou que retomase a miña vella arela de informar sobre deporte, concretamente en https://www.futbolme.com desde o ano 2001; e sobre todo desde 2006 coa creatura que non sen cesárea conseguín parir e que segue a exhibirse pola tea de araña universal até que o meu metabolismo me convenza do contrario (e xa estivo a piques de conseguilo máis dunha vez): http://www.marcadorgalego.gal. |
|


Ningún comentario:
Publicar un comentario